Derecho animal en España – Legislación municipal de Galicia para Vigo

4.8/5 - (60 votos)

Conoce todos los detalles relacionados con la tenencia y derechos de los animales domésticos en España. A continuación mostramos la legislación municipal de Galicia para Vigo.

Ordenanza municipal para a protección e tenencia de animais

TÍTULO I ÁMBITO DE APLICACIÓN.

Artigo 1º.-

1 A presente ordenanza ten por obxecto regula-las condicións de tenencia responsable de animais domésticos ou salvaxes en catividade, incluso os cualificados como potencialmente perigosos, de xeito que a súa utilización proveitosa polas persoas sexa compatible coa protección dos propios animais e a eliminación dos riscos que poidan derivarse para a vida, saúde e integridade física das persoas e demais animais e a seguridade dos bens, dentro do termo municipal.

2 Quedan excluídos desta ordenanza, e estarán rexidos pola súa propia normativa:
a) A caza.b) A pesca.c) A protección e a conservación da fauna silvestre no seu medio natural.d) Os touros e espectáculos taurinos tradicionais.e) A gandería entendida como cría de animais con fins de abastos.f) Calquera outra que sexa obxecto de regulación específica no futuro.

Artigo 2º.-

Para os efectos desta ordenanza enténdese por:

– Animais domésticos: os que pertenzan a especies que habitualmente se críen, reproduzan e convivan co ser humano.

– Animais de compañía: os animais domésticos das especies canina e felina, así como os doutras especies, que se críen, xeralmente no propio fogar, con obxecto de obte-la súa compaña (subespecie de animal doméstico).

– Animais salvaxes en catividade: os que, aínda que sexan libres pola súa condición, sexan obxecto de captura no seu medio natural, se manteñan nun grao absoluto e permanente de dominación.

– Animais abandonados: os que circulan libremente aínda que estean provistos de identificación oficial, se no prazo de vinte días a partir da súa captura non son reclamados por alguén que acredite a súa propiedade.

– Animais potencialmente perigosos: considéranse animais potencialmente perigosos tódolos que pertenzan á fauna salvaxe e son utilizados como animais domésticos ou de compaña, con independencia da súa agresividade, pertencen a especies ou razas que teñan a capacidade de causala morte ou lesións ás persoas ou a outros animais e danos ás cousas.
Tamén terán a cualificación de potencialmente perigosos, os animais domésticos ou de compaña que regulamentariamente se determinen, en particular, os pertencentes á especie canina, incluídos dentro dunha tipoloxía racial, que polo seu carácter agresivo, tamaño ou potencia de mandíbula teñan a capacidade de causa-la morte ou lesións a persoas ou a outros animais e danos ás cousas.

– Establecemento: calquera recinto, instalación, edificio ou grupo de edificios, con inclusión de anexos e espacios que non estean totalmente cerrados ou cubertos, así como instalacións móbiles, onde aloxen, manteñan ou críen animais.

– Núcleos zoolóxicos: son aqueles establecementos que albergan coleccións zoolóxicas de animais con fins científicos, culturais, recreativos ou para a súa reproducción, recuperación, adaptación ou conservación.

– Establecementos para a práctica da equitación: os que albergan équidos con fins recreativos, deportivos ou turísticos.

– Centros para o fomento e coidado de animais de compañía: son os establecementos que teñen por obxecto a reproducción, explotación, tratamento hixiénico, aloxamento temporal ou permanente e venda, ou ambos, de animais de compaña.

– Centros de recollida de animais abandonados: son os establecementos que teñen por obxecto a recollida de animais abandonados, facilitándolles no tempo e forma que marque a normativa vixente aloxamento, alimentación, coidados e os tratamentos hixiénico-sanitarios correspondentes.

– Establecementos veterinarios: aqueles onde se realizan habitualmente calquera tipo de tratamentos cirúrxicos, terapéuticos e a hospitalización de animais, baixo a responsabilidade dun veterinario.

Artigo 3º.-

Sen prexuízo do esixido nas demais disposicións que sexan aplicables, estarán suxeitas á obtención da previa licencia municipal nos termos que determina no seu caso o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, as actividades seguintes:

a) Os establecementos hípicos, sexan ou non de temporada con instalacións fixas ou non, que garden cabalos para a práctica da equitación con fins deportivos, recreativos e turísticos.

b) Os centros para animais de compaña e os destinados á reproducción, aloxamento temporal ou permanente e/ou subministración de animais para vivir domesticados nas casas, principalmente cans, gatos e aves e outros cánidos destinados á caza e ó deporte e que se dividen en:

– Lugares de cría: para a reproducción e subministración de animais a terceiros.

– Residencias: establecementos destinados ó aloxamento temporal.

– Canceiras deportivas: establecementos destinados á práctica do deporte en canódromos.

– Fatos. Establecementos destinados a gardar animais para a caza.

c) Centros ou agrupacións diversas non comprendidas entre os anteriores. Clasifícanse en:

– Tendas de paxaros: para a reproducción e/ou subministración de pequenos animais, principalmente pequenas aves, con destino ós domicilios.

– Provedores de laboratorios: para a producción e/ou subministración de animais con fins de experimentación científica.

– Zoos ambulantes, circos e entidades asimiladas.

– Comercios dedicados á venda de animais de acuario ou terrario, como peixes, arácnidos ou réptiles.

– Instalacións dedicadas á cría de animais para o aproveitamento das súas peles.

TÍTULO II SOBRE A TENENCIA DE ANIMAIS.

CAPÍTULO 1 Xeneralidades.

Artigo 4º.-

1 Con carácter xeral autorízase a tenencia de animais de compaña domésticos nos domicilios particulares sitos no núcleo urbano. A tenencia estará condicionada a que as circunstancias hixiénicas do seu aloxamento sexan óptimas, á ausencia de riscos no aspecto sanitario e á inexistencia de perigos ou molestias evitables para a veciñanza ou para outras persoas.

2 Con tal finalidade, prohíbese dende as 24.00 horas ata as 8.00 horas, deixar nos patios terrazas galerías e balcóns, aves e animais en xeral, que cos seus sons, berros ou cantos, desturben o descanso ou tranquilidade dos veciños. O resto do día, tamén deberán ser retirados dos lugares especificados polas ou polos seus propietarios cando, de xeito evidente, ocasionen molestias ós ocupantes do inmoble ou inmobles veciños

3 Os/as propietarios/as ou posuidores/as de animais estarán obrigados/as a proporcionarlles unha alimentación suficiente e adecuada ás características de cada animal.

4 O/a propietario/a ou posuidor/a dun animal estará obrigado a practicarlle as curas que precise e proporcionarlle os tratamentos preventivos de enfermidades e as medidas sanitarias preventivas, no seu caso, que a autoridade municipal ou outros organismos competentes dispoñan.

5 Os animais afectados de enfermidades de declaración obrigatoria segundo a Lei de epizootías deberán ser illados, proporcionándolle-lo tratamento axeitado se este fose posible. No seu defecto, deberán ser sacrificados por métodos eutanásicos que impliquen o mínimo sufrimento e provoquen unha inmediata perda de consciencia. Este precepto será de aplicación tanto ós particulares como a aquelas entidades que ofrezan refuxio ós animais perdidos ou extraviados.

6 O número de animais que poidan aloxarse en cada domicilio ou inmoble poderao limita-la autoridade municipal, con base a informes técnicos razoados, que atinxen ás características da vivenda e á biomasa dos animais aloxados.

Artigo 5º.-

1 Quen posúa un animal salvaxe en catividade é responsable da súa protección e coidado, así como do cumprimento das obrigas previstas nesta ordenanza.

2 A tenencia de animais en catividade procedentes de importación, precisará informe previo do organismo competente da Xunta de Galicia relativo ás súas condicións hixiénico-sanitarias.

3 Prohíbese a tenencia de animais salvaxes perigosos para o ser humano fóra dos locais autorizados polo órgano competente da Xunta de Galicia. Tamén a súa circulación por lugares abertos ó público sen as medidas protectoras que se establezan, de acordo coas características de cada especie.

4 Ós animais salvaxes en catividade seranlles de aplicación as medidas sanitarias e hixiénicas previstas nesta ordenanza, así como as previstas no artigo 9 da Lei de Galicia 1/1993, do 13 de abril.

Artigo 6º.-

1 As vacarizas, cortes, cortellos e currais de gando e aves unicamente poderán establecerse nas zonas rurais do municipio. En todo caso, esixirase a tramitación dos expedientes que determina o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, para garantir, tanto o aspecto hixiénico-sanitario e adecuación das instalacións, como a inexistencia de incomodidades, molestias ou perigos para as e os veciños ou outras persoas.

2 Queda prohibida a cría doméstica de aves de curral, coellos, pombas e outros animais análogos en domicilios particulares dentro do núcleo urbano, tanto se é en terrazas, como en cercados ou patios.

Artigo 7º.-

1 Queda absolutamente prohibida a entrada e permanencia de animais en toda clase de locais dedicados á fabricación, venda, almacenaxe ou manipulación de alimentos.
Sen embargo, en restaurantes, bares, cafeterías e semellantes a entrada e permanencia de animais estará condicionada ó criterio da ou do dono do establecemento, sempre e cando non supoña ningún tipo de incomodidade ou molestia para os concorrentes. Será o propietario ou propietaria do animal o responsable dos seus actos.

2 Prohíbese a circulación e permanencia de cans e outros animais nas piscinas públicas durante a tempada de baño.

3 Prohíbese a circulación ou permanencia de cans e outros animais nas praias en período estival, definido este como o comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.

4 Queda prohibida a entrada de animais en espectáculos públicos deportivos e culturais, así como en recintos de práctica de deportes e xogos infantís.

5 Autorízase o traslado de animais nos medios de transporte público, sempre que o traslado se efectúe nun transportador, cesta ou gaiola e nos servicios de taxi a criterio do/da conductor/a e sempre condicionado, en ambos os dous casos, a que sexan sostidos polos donos de xeito que non ocupen os asentadoiros.

6 O transporte de animais en vehículos particulares efectuarase de xeito que non poida ser perturbada a acción do/a conductor/a nin se comprometa a seguridade do tráfico de acordo coas normas previstas no Código de circulación.

Artigo 8º.-

Nos establecementos hoteleiros e pousadas, sempre que o autorice a dirección do establecemento, a estancia de animais de compaña estará condicionada a unhas óptimas circunstancias hixiénicas de aloxamento e á inexistencia de calquera tipo de incomodidade ou molestia para os residentes. A propietaria ou propietario dos animais será o responsable dos seus actos e deberá presenta-la identificación acreditativa ante calquera axente da autoridade que a/o requira.

Artigo 9º.-

Quedan excluídos expresamente do preceptuado nos artigos 7 e 8 os cans lazariño que poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos, así como acceder a calquera tipo de local, sempre que vaian acompañados da/do seu amo e posúan as condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade que se prevén nesta ordenanza.

Artigo 10º.-

1 As persoas agredidas por animais darán inmediatamente conta do feito ás autoridades sanitarias municipais.

2 O/a propietario/a ou posuidor/a do animal agresor deberá presentarse no servicio municipal co documento de identificación e tódolos datos que poidan servir de axuda á persoa ferida ou ós seus representantes e ás autoridades sanitarias que o soliciten.

3 O/a propietario/a ou posuidor/a do animal agresor responderá administrativamente por non adopta-las medidas de protección fixadas nesta ordenanza, e estará obrigado/a a asumi-los gastos ocasionados pola agresión.

Artigo 11º.-

1 Con carácter xeral, nas vías públicas os animais deberán circular suxeitos con correa ou cadea con colar. O uso do bozo ordenarao a autoridade municipal cando as circunstancias o aconsellen e mentres duren estas.

2 A autoridade municipal fixará os horarios e espacios de esparexemento para animais nos que poderán circular libremente e soltos acompañados polo seu propietario/a ou posuidor/a.

3 As persoas ou entidades que precisen desprenderse de animais de compaña mortos poderán facelo a través do servicio municipal, que procederá á súa recollida, transporte e eliminación, despois de aboa-las taxas municipais correspondentes.

4 Os que observen a presencia dun animal morto na vía pública poden comunicarllo ó servicio municipal competente, co fin de proceder á retirada do cadáver nas condicións hixiénicas necesarias para tal operación.

5 Queda absolutamente prohibido o abandono na vía pública de cadáveres de calquera especie animal.

Artigo 12º.-

1 As e os propietarios ou posuidores de cans e de gatos están obrigados a recoñecelos por medio dun implante electrónico antes dos tres meses de idade ou ós quince días dende a súa adquisición.
Para aqueles que posúan algún sistema de identificación á entrada en vigor desta ordenanza disporán dun prazo máximo de tres meses para a súa actualización e reconversión.

2 O implante electrónico deberá te-las seguintes características:
a) Deberá estar programado e non se poderá modificar.b) Operatividade do sistema a temperaturas comprendidas entre 40ºC e 70ºC.c) O código alfanumérico estará formado por un número de díxitos que será único para cada animal, sen que poidan existir dous ou máis animais co mesmo código.

3 As comunicacións por morte ou desaparición, cambio de domicilio ou transferencia de propiedade dos animais serán realizadas polos seus propietarios ou posuidores ó servicio correspondente no prazo de quince días, a contar dende a data na que se produciu o feito.

4 Os datos dos/as propietarios/as gozarán da confidencialidade e reserva que establece a normativa vixente nesta materia.

Artigo 13º.-

1 O concello recollerá ós animais abandonados e recolleraos ata que sexan reclamados, acollidos ou sacrificados.

2 De non esta-lo animal identificado, reterase un prazo de vinte días, transcorrido o cal na canceira municipal poderáselle da-lo destino máis conveniente, e só en último termo o sacrificio.

3 Se o animal está identificado avisarase ó/á propietario/a, quen disporá dun prazo de dez días para recuperalo, unha vez aboados os gastos orixinados polo seu mantemento. Ó transcorrer este prazo, de non satisface-lo propietario o aboamento destes gastos, a canceira municipal procederá de acordo co disposto no punto anterior.

4 Os animais acollidos na canceira municipal municipal non poderán ser retirados dela polos seus propietarios sen que se satisfagan, de ser o caso, os gastos xerados polo seu censado e identificación. Igualmente aboarán os gastos de mantenza e coidado a razón de 500 pesetas por día, os de asistencia veterinaria, se a precisaron, e os de vacinación se non estivese acreditado. En calquera caso han de satisfacer a multa que a Alcaldía lles impoña.

5 O Concello dispón de canceiras que compren as condicións sanitarias para o aloxamento dos animais recollidos, mentres non sexan reclamados polos seus propietarios ou posuidores ou mantidos en período de observación.

6 Os medios para empregar na captura e transporte de animais vagabundos ou abandonados cumprirán as condicións hixiénico-sanitarias e serán atendidos axeitadamente por persoal cualificado.

CAPÍTULO 2 Dos animais potencialmente perigosos.

Artigo 14º.-

A tenencia de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso requirirá a previa obtención da correspondente licencia municipal, unha vez cumprimentados os seguintes requisitos:
a) Ser maior de idade.b) Non estar incapacitado para proporciona-los coidados necesarios ó animal.c) Non ter condenas por delictos de homicidio, lesións, torturas, contra liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como ausencia de sancións por infraccións en materia de tenencia de animais potencialmente perigosos.d) Certificado de aptitude psicolóxica expedido por centro autorizado.e) Acreditación de formalizar un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poidan ser causados polos ditos animais, pola contía que estableza en cada momento a lexislación vixente.

Artigo 15º.-

1 A venda ou transacción de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso estarán condicionadas a que o vendedor ou o transmitente obtivesen a licencia a que se refire o artigo anterior.

2 As operacións de compravenda, traspaso, doazón ou calquera outra que supoña cambio de titular de animais potencialmente perigosos requirirán o cumprimento dos seguintes requisitos:
– Existencia de licencia vixente por parte do vendedor.- Obtención previa de licencia por parte do comprador.- Acreditación da cartilla sanitaria actualizada.- Inscrición do animal no Rexistro municipal no prazo de quince días dende a obtención da licencia correspondente.

3 Tódolos establecementos ou asociacións que alberguen animais potencialmente perigosos e se dediquen a súa explotación, comercialización, cría ou adestramento, deberán obter para o seu funcionamento a autorización das autoridades competentes, así como cumpri-las obrigas rexistrais previstas no artigo 6 da Lei 50/1999, do 23 de decembro.

Artigo 16º.-

Os propietarios, criadores ou quen teña os animais potencialmente perigosos están obrigados a identificalos e rexistralos nos termos que determina a presente ordenanza.

Artigo 17º.-

1 Existe no Concello de Vigo un Rexistro de animais potencialmente perigosos, como anexo ó xeral de animais domésticos e salvaxes en catividade, clasificado por especies, no que necesariamente constarán os datos persoais do posuidor, as características do animal que fagan posible a súa identificación e o seu lugar habitual de residencia, e que especifican ademais se está destinado a vivir cos seres humanos ou se teñen finalidades distintas, como a garda, protección ou outra que se indique.

2 Incúmbelle ó titular da licencia a obriga de solicitar a inscrición no rexistro á que se refire o punto anterior, dentro dun prazo de 15 días seguintes á data na que obtivese a correspondente licencia do Concello.

3 Calquera incidente producido por animais potencialmente perigosos ó longo da súa vida, coñecidos polas autoridades administrativas ou xudiciais, farase constar na folla rexistral de cada animal, que se pechará coa súa morte ou sacrificio certificado polo veterinario ou autoridade competente.

4 Así mesmo, deberá comunicarse ó rexistro municipal a venda, traspaso, doazón, roubo ou perda do animal, e farase constar na correspondente folla rexistral.

5 Nas follas rexistrais de cada animal constará igualmente o certificado do animal expedido pola autoridade competente, que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigoso.

6 O incumprimento polo titular do animal do perceptuado neste artigo será obxecto da correspondente sanción administrativa, de conformidade co disposto no capítulo 8, infraccións e sancións.

Artigo 18º.-

1 Queda prohibido o adestramento de animais dirixido exclusivamente a acrecentar e reforza-la súa agresividade para pelexas e ataques.

2 O adestramento para garda e defensa efectuarase por adestradores que estean en posesión dun certificado de capacitación, expedido e homologado pola autoridade administrativa competente da Xunta de Galicia.

Artigo 19º.-

1 A esterilización dos animais potencialmente perigosos poderá efectuarse de forma voluntaria a petición do posuidor ou titular do animal ou, no seu caso, obrigatoriamente por mandato das autoridades administrativas ou xudiciais, e deberá inscribirse na correspondente folla rexistral do animal.

2 Nos casos de transmisión de titularidade, o transmitinte dos animais deberá subministrarlle ó comprador ou receptor destes a certificación veterinaria de que os animais foran esterilizados.

3 O certificado de esterilización acreditará que dita operación efectuouse baixo supervisión veterinaria, con anestesia previa e coas debidas garantías de que non causou dor ou sufrimento innecesario ó animal.

Artigo 20º.-

Os propietarios, criadores ou posuidores de animais potencialmente perigosos terán a obriga de cumprir tódalas normas de seguridade cidadá, establecidas na lexislación vixente, de forma que garanten a óptima convivencia destes animais cos seres humanos e se eviten molestias á poboación.

Artigo 21º.-

Cando as circunstancias así o aconsellen, poderán establecerse excepcións ó cumprimento de determinadas obrigas dos propietarios nos casos de:
– Organismos públicos ou privados que utilicen estes animais cunha función social.- Explotacións agrarias que utilicen cans de garda, defensa e manexo do gando, así como as actividades de carácter cinexético, sen que os mesmos poidan dedicarse, en ningún caso, ás actividades ilícitas segundo a Lei 50/1999, do 23 de decembro.- Probas de traballo e deportivas, coa finalidade de seleccionar exemplares que participan nelas e que estean autorizadas e supervisadas pola autoridade competente, con exclusión dos exercicios para pelexas e ataques, segundo o disposto na mencionada Lei 50/1999.

CAPÍTULO 3 Das obrigas dos posuidores de animais domésticos ou salvaxes en catividade.

Artigo 22º.-

1 Quen posúa un animal doméstico ou salvaxe en catividade é responsable da súa protección e coidado e máis de cumprir tódalas obrigas contidas nesta ordenanza.

2 Os/as propietarios/as ou posuidores/as de animais domésticos ou salvaxes en catividade están obrigados/as a censalos, e á súa identificación nos termos previstos nesta ordenanza, así como lle comunicar ó rexistro a súa morte, desaparición ou calquera outra circunstancia relevante.

Artigo 23º.-

1 A Xunta de Galicia poderá ordena-la vacinación ou tratamento obrigatorio dos animais domésticos ou salvaxes en catividade que considere necesario por razóns sanitarias ou calquera outra.

Artigo 24º.-

1 Con carácter xeral, e sen prexuízo do previsto no capítulo II para os animais potencialmente perigosos, os cans circularán suxeitos con correa ou cadea con colar nas vías públicas.

2 Non obstante, os cans poderán deixarse soltos nos lugares e horas que acoute ou designe o Concello, acompañados sempre polo/a seu propietario/a ou posuidor/a.

3 Queda absolutamente prohibido que os propietarios ou posuidores dos cans deixen as deposicións dos seus animais en parques ou xardíns de uso frecuente por parte de nenos/as, así como nas beirarrúas e zonas de paso de peóns e, en xeral, en toda a vía pública.

4 As deposicións que se produzan serán recollidas polos propietarios dos cans e colocaranse de xeito hixienicamente aceptable nos contedores de recollida de lixo ou nos lugares que a autoridade municipal destine expresamente para o efecto. Queda prohibido depositalos en papeleiras públicas ou nas entradas da rede de sumidoiros.

Artigo 25º.-

As persoas que empreguen cans para a vixilancia de parcelas, obras ou calquera outra propiedade, deberán procurarlles alimento, aloxamento, espacio e curas axeitadas, ademais de telos debidamente censados e identificados.

Así mesmo deberán estar baixo a vixilancia e control do dono do inmoble de xeito que non poidan causar dano a persoas, outros animais ou cousas.

Deberase advertir, nun lugar visible, a existencia dun can de garda.

Artigo 26º.-

1 Atínxelle á Alcaldía a responsabilidade superior da protección dos animais domésticos ou salvaxes en catividade no ámbito do seu termo municipal.

2 No caso de grave ou persistente incumprimento por parte das e dos propietarios ou posuidores de animais domésticos das obrigas establecidas nesta ordenanza, a autoridade municipal poderá dispo-lo traslado dos animais a un establecemento axeitado, con cargo a aqueles e adoptar calquera medida adicional que se estime imprescindible.

3 Cando ingrese un animal doméstico na canceira municipal por mandato das autoridades competentes, a orde de ingreso deberá precisa-lo tempo de retención a que debe someterse e a súa causa. O aboamento dos gastos e taxas orixinados corresponderalle ó propietario do animal.

4 A autoridade municipal poderá ordena-lo traslado, a outro lugar axeitado, dos animais que non cumpran as condicións establecidas nos artigos 4, 5 e 6 desta ordenanza.

Artigo 27º.-

Os/as propietarios/as ou posuidores/as de animais que non desexen continuar téndoos deberán entregalos ó servicio municipal encargado da súa recollida ou a unha sociedade protectora.

CAPÍTULO 4 Dos cans e gatos e outros animais vagabundos.

Artigo 28º.-

Queda absolutamente prohibido o abandono de toda clase de animais vivos, especialmente de cans e gatos, feito que se sancionará como risco para a saúde pública.

Artigo 29º.-

1 Considerarase animal vagabundo aquel que non teña dono/a coñecido/a e en consecuencia non estea censado nin identificado, ou aquel que circule libremente sen a presencia de persoa responsable.

2 Os animais vagabundos agrúpanse, segundo a súa orixe, en:

a) Abandonados: son os animais que se atopan desatendidos nun lugar público tanto por perder ó seu dono/a, como por deixalos vagar libremente, pero permanecen preto da súa casa anterior.
Entenderase tamén como abandono situalos en lugares pechados ou desalugados, terreos e obras, se non son debidamente atendidos neles.

b) Vagabundos: son os que teñen dono/a, mais van a casa só irregularmente buscar comida e refuxio.

c) Bravos: son os que non teñen dono/a, pero que puideron telo/a algunha vez, ou os primeiros descendentes dun animal que tivo dono/a con anterioridade.

d) Salvaxes: son os que viven en tal estado, con varias xeracións anteriores sen dono.

Artigo 30º.-

Queda prohibido facilitar alimento de xeito cotián ós animais vagabundos.

Artigo 31º.-

1 Os animais vagabundos atopados no termo municipal recolleraos o servicio municipal correspondente e ingresarán na canceira onde serán alimentados debidamente, e retidos ata que os recuperen, cedan ou sacrifiquen. Os servicios municipais actúan por propia iniciativa e planificación ou por denuncias das e dos cidadáns.

2 Se os animais vagabundos non estivesen identificados reteranse nun prazo de 20 días.
Transcorrido este, o Servicio Municipal de Cancerías poderá darlle o destino máis conveniente, e só en último termo o sacrificio.

3 Se o animal vagabundo está identificado avisaráselle ó/á propietario/a de xeito inmediato, que disporá dun prazo de 10 días para recuperalo. Unha vez transcorrido este prazo, de non satisfacer o pagamento, o servicio municipal procederá de acordo co disposto no punto anterior.

4 A retirada dos animais da canceira municipal debe realizarse en horas de servicio, despois do pagamento das taxas e demais gastos e, se é o caso, da sanción correspondente.

5 Este concello fomentará a adopción de animais domésticos abandonados, limitando o sacrificio eutanásico ós casos en que resulte imprescindible.

Artigo 32º.-

1 Os animais de compaña aptos para seren adoptados deberán ser vacinados, desparasitados tanto externa coma internamente e identificados con anterioridade, para garantir unhas condicións sanitarias correctas.

2 No intre da adopción, a entrega dun animal deberá ir acompañada dun documento de cesión no que consten os datos do centro doante, os datos do animal e o compromiso da persoa que adopta ó animal de asumi-las custas de prevención sanitaria e de identificación, así como responsabilizarse del.

Artigo 33º.-

Sen prexuízo das competencias da Xunta de Galicia en materia de vacinación obrigatoria dos animais domésticos e tendo en conta o carácter voluntario deste tratamento, aconséllase a desparasitación externa e interna (Hidatidose), así como a vacinación de cans e gatos ó cumpriren seis meses de idade.

Artigo 34º.-

Quen posúa cans, gatos ou crías destes e non desexe continuar posuíndoos, poderá entregalos para o seu ingreso na canceira municipal se aboan as taxas correspondentes.

CAPÍTULO 5 Da experimentación con animais.

Artigo 35º.-

1 Toda actividade experimental con animais que poida causarlles dor, sufrimento, lesión ou morte será adecuada á normativa aplicable específica que a regule e, se é o caso, á autorización previa polo órgano competente da Xunta de Galicia.

2 Os animais destinados á experimentación serán obxecto da protección e coidados xerais previstos nesta ordenanza.

3 A experimentación con animais desenvolverase baixo a dirección do persoal facultativo correspondente.

4 Os animais que non poidan desenvolver unha vida normal, consecuencia da experimentación da que foron obxecto, serán sacrificados de xeito rápido e indoloro.

5 En cumprimento da vixente normativa sobre protección dos animais empregados para a experimentación e investigación científica, non poderán empregarse con esta finalidade, animais vagabundos das especies domésticas capturados polos servicios municipais.

CAPÍTULO 6 Da protección dos animais.

Artigo 36º.-

Quedan prohibidas con carácter xeral e con respecto a tódolos animais de compaña as seguintes conductas:

1 Causa-la súa morte, excepto en caso de enfermidade incurable ou necesidade ineludible (co fin de evitar sufrimentos ó animal ante unha enfermidade incurable) e sempre baixo control veterinario.

2 Maltratar ou agredir de calquera xeito ós animais, ou sometelos a calquera práctica que lles causase sufrimento ou dano non xustificado.

3 Desatendelos sen alimentalos axeitadamente, sen limpalos, sen sometelos a asistencia sanitaria, sen aloxalos de acordo coas súas esixencias naturais ou deixalos no interior de vehículos pechados.

4 Incitalos a asaltar ás persoas ou a estraga-las cousas.

5 Abandonalos, tanto na vía pública como en vivendas e noutros lugares pechados, desalugados, terreos e obras, na medida en que non sexan atendidos nestes lugares.

6 Utilizalos en espectáculos, loitas, festas populares e outras actividades se estas poden ocasionarlles sufrimento, ou sometelos a condicións antinaturais, con exclusión dos espectáculos con regulamentación específica como resultan se-los taurinos.

7 Organizar pelexas entre animais ou incitalos a elas.

8 Exerce-la venda ambulante de calquera animal, fóra dos recintos e datas expresamente legalizados, e en condicións de legalidade absoluta respecto a cada especie, segundo a súa regulamentación específica.

9 Exerce-la venda non ambulante de animais, sen o cumprimento das condicións xerais sinaladas pola lei.

10 Calquera outra conducta degradante que teña como víctima ós animais.

CAPÍTULO 7 Dos establecementos.

Artigo 37º.-

Denomínase establecemento calquera recinto, instalación, edificio ou grupo de edificios, incluíndo anexos e espacios que non estean totalmente cerrados ou cubertos, así como as instalacións móbiles, onde se aloxen, manteñan ou críen animais. Centros para o fomento e coidado de animais de compaña son os establecementos que teñen por obxecto a reproducción, explotación, tratamento hixiénico, aloxamento temporal ou permanente e venda ou ambos de animais de compañía. Establecementos veterinarios son aqueles onde se realizan habitualmente calquera tipo de tratamentos cirúrxicos, terapéuticos e a hospitalización de animais, baixo a responsabilidade dun veterinario.
Os albergues, criadeiros, establecementos de vendas, de recollida e de experimentación e os dedicados á exhibición de animais salvaxes en catividade, sen prexuízo dos condicionantes establecidos polo artigo 3.e) a Lei de Galicia 1 / 1993, do 13 de abril, han reuni-las seguintes características:

1 As construccións, instalacións e equipos serán os axeitados para asegurar un ambiente hixiénico e facilita-las necesarias accións zoosanitarias.

2 Deberán estar dotados de auga corrente en cantidade suficiente para a súa axeitada limpeza, así como para a subministración de auga potable ós animais.

3 Disporán dos medios para a limpeza e desinfección dos locais, materiais e ferramentas que poden estar en contacto cos animais e, se é o caso, dos vehículos para o seu transporte.

4 Deberán realizar as desinfeccións, desinsectacións e desratizacións periódicas precisas con productos autorizados para estes fins.

5 Disporán dos medios precisos para que a eliminación de excrementos e augas residuais se realice de xeito que non implique risco para a saúde pública nin perigo de contaminación do medio.

6 Disporán dos medios precisos para eliminar hixienicamente cadáveres de animais e materias contumaces ou entregarán estes residuos ó xestor que corresponda en condicións que garanten a salubridade e hixiene necesarios.

7 As instalacións deberán permitir unhas condicións de vida axeitadas para os animais, de acordo coa súa natureza. Deberán dispoñer de recintos, locais ou gaiolas de fácil lavado e de dimensións adecuadas ós seus tamaños, de acordo co especificado no Decreto 153/1998, de 2 de abril, que desenvolve a mencionada Lei 1/1993.

8 Cunha periodicidade mínima diaria, os cans expostos para a venda deberán ser sacados do seu confinamento para permitirlles realizar exercicio en espacio aberto.

9 Deberán dispor dunha zona de corentena que permita o illamento de animais enfermos ou sospeitosos de estalo.

10 Fíxase en seis semanas a idade mínima que terán os cans e gatos para a súa comercialización.

CAPÍTULO 8 Das infraccións e sancións.

Artigo 38º.-

1 Os axentes da autoridade e tódalas persoas que precisen ou coñezan feitos contrarios ó establecido nesta ordenanza teñen o deber de denunciar ós/ás infractores.

2 Os axentes municipais poderán retirárlle-los animais ós/ás seus posuidores por causarlles sufrimentos, por non aloxalos en condicións hixiénicas e biolóxicas axeitadas, por desobedecer medidas dictadas pola autoridade municipal, por infracción de normas sanitarias ou por desprezo de normas elementais de convivencia.
A devolución destes, se procedese, farase unha vez tomadas as medidas correctoras que se poidan impor.

Artigo 39º.-

1 Para os efectos da presente ordenanza será infracción administrativa o incumprimento das obrigas, das prohibicións e dos requisitos establecidos nela, así como o das condicións impostas nas autorizacións administrativas outorgadas ó seu amparo.

2 A responsabilidade administrativa será esixible sen prexuízo da que puidese corresponder no ámbito civil ou penal.

3 No caso de ter lugar espectáculos prohibidos, incorrerán en infracción administrativa non só os seus organizadores se non os donos dos locais ou terreos que os cedesen, a título oneroso ou gratuíto.

Artigo 40º.-

As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves, e atenderase a criterios de risco para a saúde e seguridade das persoas, grao de neglixencia, gravidade do prexuízo producido e reincidencia.

Artigo 41º.-

1 Tipifícanse como infraccións leves:

a) O maltrato dos animais que non lles cause dor.

b) A venda, doazón ou cesión dos animais a menores de 14 anos ou incapacitados, sen autorización de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.

c) A doazón de animais de compaña como premio.

d) Non mante-lo animal en boas condicións hixiénico-sanitarias.

e) Mantelos en instalacións inadecuadas.

f) Non facilitárlle-la alimentación axeitada ás súas necesidades.

g) O emprego de animais en traballos que os inmobilicen, causándolles dor.

h) Exerce-la venda ambulante de animais fóra dos mercados e feiras autorizados.

i) A carencia ou tenencia incompleta do arquivo de fichas clínicas dos animais obxecto de tratamento obrigatorio ou de vacinación.

l) A posesión dun can ou gato non censado nin identificado conforme ó previsto nesta ordenanza.

m) O sacrificio de animais en lugares públicos.

n) A non recollida inmediata dos excrementos dun animal de compaña na vía pública.

ñ) As molestias ocasionadas á veciñanza polo incumprimento do establecido no artigo 4.2 desta ordenanza.

o) A entrada e permanencia de animais en locais dedicados á fabricación, venda, almacenaxe, transporte ou manipulación de alimentos.

p) A circulación e permanencia de animais en piscinas públicas durante a tempada de baño, así como nas praias durante o período estival.

q) Que o animal non circule suxeito por correa ou cadea con colar nas vías públicas e fóra dos lugares e horarios establecidos para que poidan circular libremente e soltos.

r) O abandono na vía pública de cadáveres de calquera especie animal.

s) Calquera outra actuación que vulnere o disposto nesta ordenanza e que non veña tipificada como infracción grave ou moi grave.

2 Son infraccións graves:

a) O maltrato dos animais que lles cause dor ou lesións.

b) Mutilalos sen necesidade ou sen o adecuado control veterinario.

c) Abandonalos, entendéndose como abandonado, tanto o que non vaia preceptivamente identificado, como os que non leven ningunha identificación sobre a súa orixe ou propietario, sempre que non vaia acompañado de persoa ningunha.

d) A venda ambulante, reiterada, de animais en xeral, fóra dos establecementos, feiras e mercados legalmente autorizados.

e) A venda de animais salvaxes en catividade fóra dos establecementos autorizados.

f) A subministración de estimulantes non autorizados ou substancias que poidan atentar contra a saúde, excepto cando sexa por prescrición facultativa.

g) Non vacinar ou non lles da-lo tratamento obrigatorio ós animais.

h) A venda de animais enfermos, a non ser que se trate dun vicio oculto non coñecido polo vendedor.

i) A cría ou comercialización de animais sen cumpri-los requisitos correspondentes.

l) O incumprimento de calquera outra das condicións impostas nas autorizacións administrativas.

Ademais, no caso de animais potencialmente perigosos:

m) Deixar solto un animal potencialmente perigoso ou non adopta-las medidas necesarias para evita-lo seu extravío ou escapada.

n) Incumprir a obriga de ter identificado o animal potencialmente perigoso.

ñ) Omitir a inscrición no Rexistro dun animal potencialmente perigoso.

o) Ter un can potencialmente perigoso en lugares públicos sen bozo ou non suxeito por cadeas.

p) A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilita-la información requirida polas autoridades competentes ou os seus axentes, así como o subministración de información inexacta ou de documentación falsa.

q) Considerarase, así mesmo, como infracción grave a reincidencia en infraccións leves.
Entenderase que existe reincidencia cando se comete unha infracción leve do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta, requirirase que a resolución sancionadora adquira firmeza.

3 Son infraccións moi graves:

a) O maltrato dos animais que lles cause a morte.

b) A organización e realización de espectáculos, pelexas ou outras actividades con animais que impliquen crueldade ou maltrato ou poidan ocasionarlles sufrimentos.

c) A venda de animais con enfermidade infectocontaxiosa coñecida.

d) A venda de animais para experimentación sen a debida autorización ou a centros desautorizados.

e) A esterilización ou o sacrificio de animais sen control facultativo.

f) A reiteración en faltas graves.
Considérase como infracción moi grave a reincidencia en infraccións graves. Entenderase que existe reincidencia cando se comete unha infracción grave do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta; requirirase que a resolución sancionadora adquira firmeza.

Ademais, no caso de animais potencialmente perigosos:

g) Abandonar un animal potencialmente perigoso, de calquera especie, entendéndose por animal abandonado, tanto o que non vaia preceptivamente identificado, como os que non leven ningunha identificación sobre a súa orixe ou propietario, sempre que non vaian acompañados de persoa ningunha.

h) Ter animais potencialmente perigosos sen licencia.

i) Vender ou transmitir por calquera título un animal potencialmente perigoso a quen careza de licencia.

l) Adestrar animais para activa-la súa agresividade ou para finalidades prohibidas.

m) Adestrar animais potencialmente perigosos por quen careza do certificado de capacitación.

n) A organización ou celebración de concursos, exercicios, exhibicións ou espectáculos de animais potencialmente perigosos, ou a súa participación neles, destinados a demostra-la agresividade dos animais.

Artigo 42º.-

As infraccións indicadas no artigo anterior sancionaranse con multas de:
a) As leves, de 25.000 a 50.000 pesetas.b) As graves, de 50.001 a 400.000 pesetas.c) As moi graves, de 400.001 a 2.500.000 pesetas.

Artigo 43º.-

Ademais das multas ás que se refire o artigo anterior, os órganos competentes poderán impo-las seguintes sancións:

1) O peche temporal ou definitivo, respectivamente para as infraccións graves ou moi graves, dos establecementos respectivos.

2) A prohibición temporal ou permanente, respectivamente para as infraccións graves ou moi graves, do exercicio de actividades comerciais.

3) A incautación dos animais obxecto de actividades ilegais ou de abandono para calquera tipo de infracción.

4) No caso de federacións ou de calquera outra entidade non lucrativa, para infraccións graves ou moi graves, poderase suspender temporalmente, ou en casos moi graves definitivamente, o exercicio das súas actividades.

Artigo 44º.-

Para a gradación das multas e determinación do tempo de duración da clausura á que fai referencia o artigo anterior, teranse en conta as seguintes circunstancias:
1) A transcendencia social ou sanitaria e o prexuízo causado pola infracción.2) O ánimo de lucro e a contía do beneficio obtido na comisión da infracción.3) A importancia do dano causado ó animal.4) A reiteración ou reincidencia na comisión de infraccións.

Artigo 45º.-

O exercicio da potestade sancionadora prevista na presente ordenanza requirirá a incoación e instrucción do correspondente expediente administrativo de conformidade co disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e disposicións regulamentarias que regulen o procedemento administrativo sancionador.

Artigo 46º.-

En conformidade co disposto na Lei do Parlamento Galego 1 / 1993, de 13 do abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e a Lei 50/1999, do 23 de decembro, a imposición de sancións previstas corresponderalle a:
a) O alcalde, para as infraccións leves.b) A Xunta de Galicia, a través do órgano que o teña legalmente atribuído en cada momento, para as sancións pola comisión de faltas graves e moi graves.

A incoación dos expedientes sancionadores corresponderalle ó Concello para as faltas leves. Se se trata de faltas graves ou moi graves corresponderalle á Xunta de Galicia, sen prexuízo de que, o amparo do artigo 69 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, pode ser realizado polos Concellos.

Artigo 47º.-

As infraccións previstas na presente ordenanza prescribirán: as leves ós seis meses: as graves, ós doce meses; e as moi graves, ós dous anos.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA.

Queda en suspenso a aplicación dos puntos “b”, “c”, “d”, “e” do artigo 14, en tanto no se desenvolva a Lei 50/1999, do 23 de decembro, Réxime xurídico da tenencia de animais potencialmente perigosos.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

Queda derrogada a Ordenanza municipal sobre tenencia de animais, aprobada polo Concello Pleno en sesión do 8 de xuño de 1984, e calquera outro acordo ou resolución que se opoña ó establecido na presente ordenanza.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente ordenanza entrará en vigor o día 15 seguinte ó da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e continuará en vigor en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación.

INFORME-PROPOSTA:

O obxecto da Lei 1/1993, do 13 de abril, foi a protección dos animais domésticos e salvaxes que viven en catividade, baixo a posesión e protección do ser humano, e recóllense nela as atencións mínimas que deben recibi-los animais dende o punto de vista hixiénico-sanitario, así como a venda, tenencia e mantemento destes. Esta lei determina como principio fundamental a protección destes animais o de posesión responsable, de modo que os afectados asuman o coidado dos animais en tódolos aspectos contidos nela.

A Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da posesión dos animais potencialmente perigosos, regula as condicións para a posesión de animais que poidan manifestar certa agresividade cara ás persoas por unha modificación da súa conducta a causa do adestramento recibido e das condicións ambientais e de manexo a que son sometidos por parte dos seus propietarios e criadores. Diversos ataques ás persoas protagonizados por cans, xeraron un clima de inquietude social que obriga a establecer unha regulación para controla-la posesión de cans potencialmente perigosos.

O Concello de Vigo, para asumi-los motivos aludidos, que figuran na parte expositiva damencionadas leis, desenvolve a presente Ordenanza municipal para a protección e tenencia de animais.

Por todo o exposto anteriormente, solicítase do Pleno desta Corporación municipal, tralo dictame da comisión informativa correspondente, a adopción do seguinte ACORDO:

“Primeiro.- Aprobar inicialmente a proposta de Ordenanza municipal para a protección e tenencia de animais, elaborada polo servicio de Infraestructuras e Medio Ambiente.

Segundo.- Somete-lo expediente ó trámite de información pública e audiencia ás persoasinteresadas polo prazo de 30 días para a presentación de reclamacións e suxestións, mediante a oportuna publicación no Boletín Oficial da Provincia”.

Recuerde que, a través de este enlace, puede consultar todas las leyes de protección animal de España.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.